Fronte á polémica aberta na nosa Terra, en canto ao emprego da nosa propia lingua, manifestamos:

O noso idioma é o noso ser

Na “Galicia Ideal”, como nos chamou Castelao, asistimos abraiados ao debate que, aínda hoxe e unha vez máis, está a darse na Terra, na “Galicia real”, arredor do dereito dos galegos a empregar a súa lingua natural e propia.

Salvando algúns cambios impostos polo inevitable devir do tempo, parécenos estar en xeiras que xa deberían estar superadas.

A lingua é sinal de identidade, pois permite o acceso a unha simbolización plena, a expresar os soños e a utopía. Coa lingua, constrúese e exprésase a identidade individual en relación  dialéctica coa identidade colectiva. ” Un pobo sometido á loita de dous idiomas acaba por non saber expresar o que sinte”. ( Castelao)

Como parte viva e activa, nós, tamén somos quen de reivindicar ese dereito.

O Patronato da Cultura Galega de Montevideo, desde a súa fundación, comprometeuse na loita contra a marxinación histórica da nosa lingua, por iso, apoiamos e adherimos a todas as accións positivas a prol da defensa da cultura galega

Non pretendemos desde aquí dar cátedra, nin moito menos, mais debemos lembrar que, como dicía o noso Guieiro “ NON ESQUEZAMOS QUE SE SOMOS GALEGOS É POR OBRA E GRACIA DO IDIOMA.”

Josefa Pérez Santiago

Presidenta

Jose´ Otero Méndez

Secretario